xoves, 10 de xaneiro de 2019

SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN DE PEQUENAS INFRAESTRUTURAS PARA PROXECTOS DE BIOMASA DESTINADAS A PARTICULARES

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), ven de publicar a RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2019 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (IN421H, IN421I).




O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, en concreto, os proxectos de biomasa do grupo B2 (caldeiras con sistemas de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥ 250 litros e V< 1.000 litros) e grupo B3 (caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥ 1.000 litros) que se desenvolvan en parroquias definidas como rurais ou intermedias, para os efectos da aplicación do Feader (clasificación ZPP ou ZIP do grao de urbanización da parroquia segundo o GU 2016).

1. Serán subvencionables:

a) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).
b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento de sistema.
c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.
d) O custo do sistema de alimentación do combustible.
e) O custo de montaxe e conexión.
f) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.
En todo caso, os beneficiarios que gocen da exención do IVE, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria. 

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.
b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.
c) A reposición ou mera substitución de equipamentos existentes en proxectos financiados con fondos Feader. Para estes efectos enténdese por gastos de reposición ou substitución aqueles que se limiten a substituír unha máquina existente ou parte dela por unha máquina nova e moderna sen ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % ou introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou tecnoloxía correspondente).
d) Equipamento e materiais de segunda man.
e) As obras de mantemento e os gastos de aluguer.
f) As taxas e licenzas administrativas.
g) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.


Prazo de presentación de solicitudes
 
1. As solicitudes de axudas serán presentadas polas entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo III desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras. 

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). 

Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitaren a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II).

3. O prazo de presentación das solicitudes de axudas será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao de remate do prazo de adhesión das entidades colaboradoras. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OFERTA DE EMPREGO PARA OPERARIOS/AS INDUSTRIAIS E CARRETILLEIROS/AS

Gi Group busca: OPERARIOS-AS INDUSTRIAIS / CARRETILLEIROS-AS , para A Pobra do Caramiñal e Vilagarcía de Arousa.  Con experiencia en líñas d...