xoves, 10 de xaneiro de 2019

AXUDAS DESTINADAS Á CREACIÓN DE EMPRESAS PARA ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS EN ZONAS RURAIS

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) publicou recentemente a RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (Galicia rural emprende).



Serán subvencionables os proxectos dirixidos a crear emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:

a) Obradoiros e fábricas destinados á produción de bens e materiais.
Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE)

c) Prestación de servizos en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos...).

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola...).

e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.

i) Comercio retallista de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

j) No sector da restauración turística, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.
  
Poderán ser beneficiarios:

a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.
Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

b) As microempresas e pequenas empresas de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiñan no momento da solicitude da axuda.
Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.
De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

c) As persoas físicas que residan nunha zona rural e que creen unha nova empresa ou que inicien unha actividade distinta á que tiñan no momento da solicitude da axuda.
Para estes efectos, considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 1.1. destas bases reguladoras.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día 5 de xaneiro.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

OFERTA DE EMPREGO PARA OPERARIOS/AS INDUSTRIAIS E CARRETILLEIROS/AS

Gi Group busca: OPERARIOS-AS INDUSTRIAIS / CARRETILLEIROS-AS , para A Pobra do Caramiñal e Vilagarcía de Arousa.  Con experiencia en líñas d...