A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, ven de publicar a RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2018
pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a
adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se
procede á súa convocatoria para o ano 2019.
Beneficiarios
1. Poderán beneficiarse das axudas as persoas
físicas maiores de idade que, tendo menos de trinta e cinco anos na data
de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes
requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.
b) Que os ingresos anuais das persoas
que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a
tres veces o IPREM.
Este límite será de catro veces o IPREM
se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa
composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a
continuación.
O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa
unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición
existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
- Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
- Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
c) Ter subscrito a partir do 1 de
xaneiro de 2019 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura
pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:
- Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da correspondente convocatoria.
- Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a cen mil euros.
- Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
d) Que a persoa solicitante e as demais
persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na
vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente
solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda
formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente
solicitude.
e) Que a persoa solicitante e as demais
persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das
súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e
non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto,
coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Que nin a persoa solicitante nin as
demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas
nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do
17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do
13 de xuño, así como que non se lles teña revogada, ou fosen obxecto
dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior
plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
g) Que nin a persoa solicitante nin
calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan
propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.
Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o
usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte
alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa.
Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares
dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de
separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa
allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de
discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade
de convivencia.
2. No suposto de adquisición da
propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas
propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo
anterior para poder ser beneficiaria da axuda.
3. Tamén poderán ser persoas
beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha
solicitude de subvención ao abeiro da Resolución do 27 de setembro de
2018, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a
adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se
procede á súa convocatoria para o ano 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 16 de outubro), e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 12 de xaneiro de 2019 e rematará o 31 de outubro de 2019
e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o
que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular
da Dirección Xeral do IGVS.
Ningún comentario:
Publicar un comentario