xoves, 14 de xaneiro de 2021

Convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral

Hoxe saíu publicado no Diario Oficial de Galicia a convocatoria pública para o ano 2021 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.

Esta orde ten por obxecto realizar a convocatoria para o ano 2021, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación (código de procedemento TR305A) para un total de 1.209 prazas, nas unidades de competencia que se indica no anexo I e cun total de 4.140 unidades de competencia nas seguintes cualificacións profesionais:

• Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 325 prazas.

• Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 225 prazas.

• Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 150 prazas.

• Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 150 prazas.

• Operacións de vixilancia e extinción incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (SEA595_2): 150 prazas.

• Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2): 162 prazas, nas seguintes unidades de competencia:

– UC0080_2 Efectuar a vixilancia e protección de bens e persoas en espazos delimitados e do transporte de fondos e obxectos valiosos.

– UC0081_2 Efectuar o acompañamento, defensa e protección de persoas ou grupos concretos.

• 52 prazas das persoas que quedaron na lista de espera na convocatoria anterior (Orde do 15 de novembro de 2019).

• 110 novas prazas.

• Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 47 prazas que pertencen á lista definitiva de persoas en lista de espera (Orde do 15 de novembro de 2019).

Nesta cualificación profesional non se admitirán novas solicitudes nesta convocatoria.

Poderá ampliarse a outras cualificacións profesionais as unidades de competencias convocadas e, para eses efectos, publicarase polos mesmos medios que a presente convocatoria coa apertura de prazo para presentar solicitudes ás novas unidades convocadas.

Presentación de solicitudes

1. Non se admite ningunha solicitude na cualificación profesional de Servizos para o control de pragas (SEA028_2); só están admitidos ao procedemento as persoas que quedaron na lista de espera definitiva da convocatoria publicada a través da Orde do 15 de novembro de 2019.

2. As persoas interesadas en inscribirse no resto de cualificacións profesionais obxecto desta convocatoria deberán presentar a solicitude no modelo que figura no anexo III desta orde.

3. As persoas que quedaron na lista definitiva de persoas en lista de espera nas cualificacións profesionais de Servizos para o control de pragas (SEA028_2) e de Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2) non terán que presentar solicitude, nin nova documentación.

4. As persoas que xa presentasen documentación en anteriores convocatorias da consellería competente en materia de emprego, nas cualificacións profesionais recollidas nesta convocatoria, non terán que achegar a documentación presentada anteriormente. Non obstante, deberán presentar obrigatoriamente solicitude de inscrición segundo o modelo que figura como anexo III desta orde, podendo achegar nova documentación que complete e/ou actualice a súa experiencia laboral ou a súa formación non formal.

5. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento. As persoas interesadas só poderán realizar unha única solicitude de inscrición e en unidades de competencia que pertenzan á mesma cualificación profesional. Con carácter excepcional:

No ámbito do socorrismo acuático poderá solicitarse, na mesma solicitude, a inscrición en unidades de competencia pertencentes ás cualificacións profesionais de Socorrismo en instalacións acuáticas (nivel 2) e Socorrismo en espazos acuáticos naturais (nivel 2).

6. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de inscrición será de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.


Ligazón á convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210114/AnuncioG0599-281220-0002_gl.html

Ligazón ao trámite electrónico: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR305A&ano=2021&numpub=1&lang=gl





Ningún comentario:

Publicar un comentario

OFERTA DE EMPREGO PARA OPERARIOS/AS INDUSTRIAIS E CARRETILLEIROS/AS

Gi Group busca: OPERARIOS-AS INDUSTRIAIS / CARRETILLEIROS-AS , para A Pobra do Caramiñal e Vilagarcía de Arousa.  Con experiencia en líñas d...